virus
nome masculino
Un virus é un microbio ou microorganismo que infecta unha célula. Algúns virus causan enfermidades infecciosas como a sida, a gripe ou a covid-19; en cambio, outros virus son beneficiosos e protéxennos, por exemplo, de bacterias. Coñécense máis de 5000 virus diferentes, que se agrupan en familias, como os coronavirus. Para poder reproducirse, deben secuestrar unha célula viva chamada célula hóspede. Os antibióticos non teñen efecto sobre os virus que producen enfermidades infecciosas, pero desenvolvéronse medicamentos antivirais para tratar algunhas enfermidades infecciosas e, sobre todo, vacinas para certos virus, por exemplo, a vacina da varicela ou a vacina da covid-19.