xel hidroalcohólico
nome masculino
Nivel 1: Primaria
O xel hidroalcohólico é un líquido transparente, máis ou menos espeso, composto de alcohol, auga e outros compoñentes. Ponse nas mans como protección ante virus e bacterias cando non temos ao noso alcance auga e xabón. Utilízase antes e despois de tocar superficies ou obxectos. É recomendable utilizalo en espazos públicos (como os colexios, os hospitais ou os comercios) e privados (como na casa). O seu uso correcto diminúe o risco de transmisión de infeccións.
Tamén se pode denominar hidroxel ou xel desinfectante.
xel hidroalcohólico
Nivel 2: ESO
O xel hidroalcohólico é unha sustancia líquida que adoita ser transparente, con textura máis ou menos densa, que serve para desinfectar a pel. Normalmente, ponse nas mans como protección ante virus e bacterias para substituír ou complementar a auga e o xabón. Como o seu nome indica, está composto de auga (hidro-) e de alcohol (-alcohólico) nunha porcentaxe en que sempre hai máis alcohol (entre 70-80 %) que auga (entre 30-20 %), a pesar de que tamén se incorporan outros compoñentes que modifican a súa viscosidade.
Emprégase de forma preventiva antes e despois do contacto da pel con determinados obxectos ou superficies, e con efecto desinfectante, se xa se produciu o contacto. É recomendable utilizalo tanto en espazos públicos como privados porque o seu uso correcto diminúe o risco de transmisión de infeccións.
Tamén se pode denominar hidroxel ou xel desinfectante.