virus
Nivel 1: Primaria
Un virus é un microbio, é dicir, un organismo moi pequeno, que infecta unha célula e, moitas veces, causa enfermidades infecciosas como a varicela, a gripe ou a covid-19. En cambio, outros virus poden ser beneficiosos, porque nos protexen. Coñécense máis de 5000 virus diferentes, que se agrupan en familias, como os coronavirus.
Os virus non adoitan ser de cores, pero se os vemos de cor é porque os tinguimos para podelos ver máis claramente por un microscopio. Os virus poden ter formas moi distintas. Os científicos consideran que os virus están na fronteira da vida, porque non poden reproducirse nin moverse por si mesmos: sempre deben entrar nunha célula viva para poder reproducirse.
Un virus non é unha bacteria, que é outro tipo de microbio. Os virus son cen veces máis pequenos que unha bacteria normal e a diferenza principal é que as bacterias están formadas por unha célula e, en cambio, os virus viven dentro dunha célula.
virus
Nivel 2: ESO
Un virus é un microbio ou microorganismo que infecta unha célula. Algúns virus causan enfermidades infecciosas como a sida, a gripe ou a covid-19; en cambio, outros virus son beneficiosos e protéxennos, por exemplo, de bacterias. Coñécense máis de 5000 virus diferentes, que se agrupan en familias, como os coronavirus.
Para poder reproducirse, deben secuestrar unha célula viva chamada célula hóspede. Os antibióticos non teñen efecto sobre os virus que producen enfermidades infecciosas, pero desenvolvéronse medicamentos antivirais para tratar algunhas enfermidades infecciosas e, sobre todo, vacinas para certos virus, por exemplo, a vacina da varicela ou a vacina da covid-19.
Un virus non é unha bacteria. As bacterias están formadas por unha célula (organismos unicelulares) e, en cambio, os virus, moito máis pequenos, son acelulares (ou, o que é o mesmo, non son células), pero viven dentro dunha célula para sobrevivir.