vacina

nome feminino

Nivel 1: Primaria

Unha vacina é unha substancia, case sempre líquida, que che pon o médico ou o enfermeiro, normalmente cunha inxección, para evitar que te poñas enfermo e previr enfermidades como a varicela, o xarampón, a gripe ou a covid-19. As vacinas fan que teñas anticorpos (popularmente chamados defensas) contra unha enfermidade e que sexa máis difícil que te infectes.

Canta máis xente estea vacinada, antes se consegue a inmunidade de grupo. Isto significa que un número bastante grande de persoas están protexidas contra o virus que provoca a enfermidade e, por tanto, o contaxio é máis difícil. Adóitannola poñer no brazo ou nas nádegas. No caso da covid-19, por exemplo, os dous tipos de vacinas máis habituais inxéctanse no brazo cunha xiringa.

Nivel 2: ESO

Unha vacina é unha substancia, moitas veces en forma líquida, que se introduce no corpo co fin de que se creen anticorpos para non desenvolver unha enfermidade concreta ou ben para minimizar os seus efectos e, así, ser inmunes.

Canta máis xente leve a vacina, antes se consegue a inmunidade de grupo. Isto significa que un número bastante grande de persoas están protexidas contra o virus que provoca a enfermidade e, por tanto, o contaxio é máis difícil. Hai vacinas para moitos tipos de enfermidades. No caso da covid-19, existen moitos tipos de vacinas, pero as máis usadas durante a pandemia foron as de ARN mensaxeiro e as de vector viral.