Presentación Diximed para pediatría
O Primeiro dicionario de medicina ilustrado é un libro que quere explicar o significado e o uso das palabras máis básicas que os nenos e as nenas escoitan e utilizan cando falan da súa saúde e das súas enfermidades. Este dicionario está destinado a nenos e nenas de seis a doce anos.
Na súa elaboración participaron 1200 alumnos e alumnas de segundo, terceiro e cuarto curso de educación primaria. O Primeiro dicionario de medicina ilustrado é un libro orixinal porque é o primeiro dicionario de medicina para nenos e nenas en galego.
1 | Que é un dicionario e como se le?
Un dicionario é un libro de consulta que explica que queren dicir as palabras, pero tamén como se escriben e como se usan. Un dicionario de medicina recolle as palabras que se utilizan para falar de saúde, que tamén se chaman termos médicos. Estas palabras poden empregalas os profesionais da saúde cando falan entre eles ou con nós, e tamén ti cando falas de temas sobre a túa saúde cos profesionais da medicina ou con outras persoas que non son médicos.
2 | Que atoparás nel?
Á parte de palabras que se empregan para falar de saúde, neste dicionario atoparás moitas informacións diferentes: en primeiro lugar, as explicacións do que queren dicir estas palabras con debuxos que as representan. Pero tamén, a categoría gramatical das palabras (se son nomes masculinos ou femininos), información sobre como se crearon algunhas palabras, relacións entre as palabras do dicionario, información sobre os contextos en que as usamos. Amais, o dicionario inclúe un atlas do corpo humano e un conxunto dos verbos que empregas para falar de termos médicos con exemplos reais de como se empregan. Finalmente, o dicionario ofréceche un índice completo para facerche máis doada a busca das palabras.
3 | Cantas palabras vas atopar e de que tipo?
O dicionario contén 200 nomes que serven para falar de saúde presentados por orde alfabética e 148 explicacións cos debuxos correspondentes. Hai tamén unhas 30 palabras que son sinónimas doutras, é dicir que son maneiras de referirse ao mesmo, pero con outra palabra. Ao remate do libro atoparás 33 verbos que teñen un significado específico en en medicina (desinfectar, curar, inxectar, receitar, sangrar) presentados en frases creadas por alumnado e un atlas de 10 debuxos sobre o corpo humano que ten indicados 130 termos. En total, o dicionario inclúe 363 palabras que podes empregar para falar de medicina.
As palabras deste primeiro dicionario de medicina son nomes moi básicos que usan os expertos en saúde (como os médicos, os enfermeiros, os logopedistas, os dentistas, etc.) cun significado específico. Moitas delas, os nenos e a nenas coma ti tédelas escoitado e empregado (alerxia, ambulancia, carie, hospital, infección, dor de cabeza, operación, radiografía, arrefriado, termómetro, vacina, xarope, etc.) e se cadra dalgunhas xa sabes moitas cousas, pero non de todas (cicatriz, discapacidade, dor, febre, moco, neurona, pel atópica, piollo, brecha, vómito), e seguramente, haberá outras que non escoitaches nunca ou non sabes exactamente que significan (anorexia, asma, autismo, cancro, ecografía, enfermidade rara, penicilina, pneumonía, síndrome de Down, traumatismo, varicela, virus). Pois este dicionario quérechas explicar de forma doada e comprensible!
4 | Que información acompaña cada palabra?
De cada palabra dáseche a categoría gramatical (se é un nome masculino ou feminino), unha explicación do significado (é dicir, que é, como é, para que se usa, quen a utiliza, etc.) que se acompaña dun debuxo feito por un neno ou unha nena para axudar a facer máis claro o que significa a palabra. Nalgunhas ocasións, tamén hai informacións para saber en que situacións comunicativas adoitamos usar un termo (por exemplo, de lipotimia dise que “popularmente usamos desmaio” , ou na palabra dor de gorxa coméntase que “Cando nos doe o pescozo porque temos unha infección, os médicos usan amigdalite, que é unha palabra especializada”) ou de onde provén unha palabra (por exemplo, de otite dise que “vén do grego antigo ot-, que quere dicir ‘orella’ e –itis, que quere dicir ‘inflamación’”). Outras veces danse informacións que queren desfacer ideas que por veces temos sobre determinadas realidades e que non son certas (por exemplo, de Síndrome de Down indícase que non é unha enfermidade, ou que sobrepeso e obesidade non se poden confundir).
Cando unha palabra se pode dicir de maneiras diferentes, recóllense todas e explícase en que casos se usa unha e en cales outra, como por exemplo descomposición, diarrea, cagarría e caca líquida ou cefalea e dor de cabeza. A explicación do que significa dáse só nunha palabra, que normalmente é a que os médicos e médicas, e todas as outras remiten a ela (por exemplo, en dor de cabeza pon “Consulta cefalea”).
En todas as explicacións márcanse con cor azul mariña as palabras que tamén están explicadas noutro lugar do dicionario e de cor lila as que están ilustradas nun dos debuxos do atlas.
Código de cores
dicionario
atlas
actividades
lexcovid
5 | Como o fixemos?
Este dicionario é unha obra que se fixo de maneira colaborativa a partir de coñecemento compartido e acumulativo. Durante tres cursos escolares, 1.200 nenos e nenas de 8 escolas traballaron para explicar e debuxar unhas 200 palabras. Estes nenos de segundo, terceiro e cuarto de primaria convertéronse en pequenos-grandes lexicógrafos (as persoas que fan dicionarios). Todo este material foi dixitalizado e procesado por un grupo de 12 estudantes universitarios. Diferentes expertos en lingua, didáctica e medicina, primeiro desconstruíron as explicacións dos nenos e despois construíronas de novo. As explicacións e informacións que se che ofrecen sobre as palabras seleccionáronse e elaboráronse a partir do coñecemento acumulativo que achegaran todos estes pequenos-grandes lexicógrafos. Así, ningún deles escribiu unha definición do dicionario, pero entre todas as informacións que achegaron construíuse a explicación das palabras do dicionario. Un segredo: ás veces engadimos algunha información que non achegara ningún escolar porque pensamos que podía axudarche a entender de todo unha realidade.
Estes expertos elaboraron as definicións cunha linguaxe comprensible e, moitas veces, utilizaron palabras que usaron os escolares nas definicións dos nenos. Ademais, todas as palabras especializadas da medicina que se usan para definir pódelas atopar tamén explicadas dentro do dicionario ou indicadas no atlas; nalgunhas ocasións optouse por explicarche o significado dunha palabra dentro da mesma definición (por exemplo, dentro da palabra farmacia defínese tamén parafarmacia). Os expertos seguiron un modelo de definición que inclúe oracións que se dirixen a ti. Nalgunhas ocasións engadiron información para desfacer malentendidos que detectaran nas explicacións dos escolares e, deste xeito, en moitos casos a información adicional ten unha finalidade didáctica. Para cada definición os expertos seleccionaron un ou dous debuxos. Unha das últimas tarefas dos expertos foi reunir unha lista de 33 verbos cun significado moi específico en medicina que os escolares empregaran nas súas definicións e seleccionar exemplos reais para eles. Por último, ordenaron todas as palabras alfabeticamente e construíron un índice que permite a busca rápida.
Ademais, encargámoslle a Naia Oliver, unha alumna de sexto de primaria da escola Annexa Joan Puigbert, os debuxos do atlas do corpo humano e dunha botica de primeiros auxilios, para poder completar os termos básicos da medicina dunha maneira visual.
En conxunto, cremos que che estamos a propor un dicionario orixinal porque se adapta ás necesidades das nenas e os nenos de primaria e porque está feito a partir do coñecemento acumulativo da cativada de 8-10 anos, e tamén porque é un dicionario escolar especializado tematicamente.
6 | Aviso importante
No interior do dicionario, o uso do masculino como xenérico para referirse ao masculino e ao feminino non responde a ningunha vontade de discriminación sexista, senón a un uso eficiente e conciso propio da lingua galega e da maioría das linguas románicas, como o catalán, o español, o portugués ou o francés. Por iso, cando dicimos, por exemplo, médico, incluímos a todos os médicos e médicas. Ou cando falamos de enfermeiros, referímonos en todos os enfermeiros e a todas as enfermeiras. Do mesmo xeito, cando falamos de nenos queremos falar, naturalmente, de todas as nenas e de todos os nenos.
7 | Quen o fixo?
Un dicionario é un traballo dun equipo!
Un dicionario é un traballo de equipo; por iso queremos agradecerlle a súa colaboración a toda a xente que participou. En primeiro lugar, un agradecemento moi grande aos artífices da obra: os nenos e as nenas de segundo, terceiro e cuarto curso de primaria das escolas Annexa-Joan Puigbert (Xirona), Escaladei (Cerdanyola del Vallès), Oriol Martorell (Barcelona), Sant Jordi (Pineda de Mar), Sant Nicolau (Sabadell), Santiago Ratés (Vilajuïga), Vallmanya (Sant Esteve de Palautordera), Vedruna Immaculada (Barcelona), e aos mestres que, entre os cursos 2015-2018, acompañaron con constancia e profesionalidade o seu traballo durante este proxecto lexicógrafo pioneiro.
Ao Colexio Oficial de Médicos de Xirona e en especial ao seu presidente actual, o Dr. Vilaplana, que creu no proxecto desde o principio e facilitou a edición do dicionario en catalán. Tamén aos pediatras do Colexio: Lluís Mayó, José Manuel Sin, Pilar Vicente, que desde a pericia analizaron a información como médicos e fixeron achegas moi valiosas para asegurar a calidade e veracidade cognitiva do dicionario. E tamén a Ruth Espuche, por facilitar enormemente o traballo de xestión coa institución.
O meu agradecemento máis sincero a M. Teresa Cabré; o seu mestrado fíxome propoñerme un traballo en lexicografía especializada escolar que fose capaz de respectar o Principio de adecuación que propón na súa Teoría Comunicativa da Terminoloxía. Esta asunción supuxo un reto metodolóxico importante tanto na concepción do Petit Diccionari de Ciència como sobretodo na elaboración deste Primeiro dicionario de medicina ilustrado.
O equipo de expertos lingüistas estivo formado por:
Mariona Arnau, Aida Celemín, Nuria Clapés, Julia Flores, Laura Llort, Marina Maimó, Lidia Ramos, Marta Roviralta, Carla Solé, Claudia Tarrago, Yingfeng Xu, alumnas e colaboradoras activas do proxecto. Agradézolles o interese que puxeron nas tarefas de selección, automatización e primeira redacción das definicións. Iniciábanse no campo da investigación e fixérono con moita aptitude e vitalidade.
Jorge M. Porras-Garzón e Laia Vidal-Sabanés, que participaron con entusiasmo dinamizando o equipo de automatización, procesando os datos e elaborando definicións. Eles foron un dos principais motores impulsores do proxecto.
Silvia Llach e Silvia Grisó, que fixeron unha revisión lingüística das definicións con ollo crítico e experto. Ona Doménech, que participou na lectura final de todos os materiais e achegou sabios consellos. Nalgunhas das decisións que tomamos, seguimos as súas enxeñosas recomendacións.
En último lugar, aínda que no fondo tería que ser o primeiro, porque ela deume as forzas para comezar este novo proxecto despois do Primer diccionari de Ciència, agradézolle á miña filla Sara a súa constante persistencia, alegría e ilusión para pedirme cando fariamos outro dicionario, un no que ela puidese colaborar: “Mamá, tes que facer un dicionario para que poidamos participar nel os da miña clase, pero este ten que ser de cor verde!».
Rosa Estopà
Xirona, febreiro de 2018
dicionario
Dicionario, as palabras ordenadas alfabeticamente.
atlas
8 láminas ilustradas sobre o corpo humano e outros contidos relacionados coa saúde e a medicina.
actividades
Xogos interactivos para achegarse de forma divertida ao contido do dicionario.
covid-19
A covid-19 é unha enfermidade infecciosa, moi contaxiosa, causadapor un virus, concretamente un coronavirus, chamado SARS-COV-2.