cancro

nome masculino

O cancro é unha enfermidade grave que sofres cando algunhas células do teu corpo se multiplican, se transforman e se volven malas. O cancro pode ser de moitos tipos: cancro de mama, cancro de pel, cancro de ósos, cancro de pulmón etc. Para curarte do cancro pode ser que teñas que facer máis dun tratamento. Por exemplo, algunhas veces téñente que operar; outras veces, téñenche que facer un tratamento con radiacións que se chama radioterapia e outras, un con medicamentos químicos que se chama quimioterapia, que a miúdo fai que che caia o cabelo.

Cos tratamentos, moitos cancros cúranse. Aínda que “cancro” é unha palabra que nos asusta, non todas as persoas que teñen cancro teñen unha enfermidade incurable. Porén, ás veces hai cancros que non se poden curar porque aínda non se inventou o seu tratamento e, por iso, hai que seguir investigando.

O cancro non é unha enfermidade contaxiosa.