orellóns
nome masculino plural
Os orellóns son unha enfermidade que consiste na inflamación das glándulas da saliva, que son os órganos que fabrican saliva. Esta enfermidade fai que as meixelas e a parte de arriba do pescozo se inchen como un globo e se poñan vermellas como un tomate. Os orellóns, que son unha enfermidade que teñen sobre todo os nenos e nenas, son contaxiosos e, normalmente, danche febre. Hai unha vacina que evita que teñas orellóns.
Tamén se poden chamar papeiras, e os médicos ademais usan parotidite, unha palabra especializada que vén do grego antigo par-, que significa ‘ao longo de’, ot- que significa ‘orella’, e –itis, que significa ‘inflamación’.