antivacinas

nome masculino e feminino

Nivel 1: Primaria

Un antivacinas é unha persoa que non quere que a vacinen dalgunha enfermidade, como, por exemplo, da covid-19. Moitas persoas antivacinas están en contra das vacinas porque non cren nelas. Non obstante, hai persoas antivacinas que si cren nas vacinas, pero teñen dúbidas, senten desconfianza e mesmo non consideran necesario vacinarse dunha enfermidade concreta. Outras persoas antivacinas non se fían do líquido que conteñen as vacinas ou pensan que os efectos que produce son prexudiciais. Outras tampouco cren nos médicos e científicos que crean as vacinas.

Ás veces, hai antivacinas que se negan a vacinarse porque pensan que, se o fan, é unha forma de controlalos.

Nivel 2: ESO

Un antivacinas é unha persoa que, por distintos motivos (sanitarios, relixiosos, científicos, políticos, filosóficos), se nega a vacinarse porque non cre nos efectos positivos da vacina para unha determinada enfermidade. Ademais, as persoas antivacinas cuestionan que as vacinas sexan seguras ou eficaces e pensan que son máis prexudiciais que beneficiosas para a saúde.

Ás veces, os antivacinas pertencen a un movemento ideolóxico en contra da vacinación das persoas.