máscara

nome feminino

Nivel 1: Primaria

Unha máscara é unha peza rectangular, de tea ou doutros materiais, que tapa a boca, o nariz e o queixo. Serve para protexernos dalgunhas enfermidades, como a covid-19, porque evita que nos contaxiemos entre nós. Para que nos protexa, hai que poñela ben, tapando a boca e o nariz.

Hai máscaras de varios tipos, materiais e cores. As que máis protexen son as autofiltrantes (coñecidas como FFP), que evitan que te contaxies, pero tamén que te contaxien a ti; despois, as cirúrxicas, que van ben para non contaxiar os demais, e, finalmente, as hixiénicas e as hixiénicas de tea, que protexen pouco.

As máscaras son algo incómodas, porque tapan a boca e non podes respirar de todo ben. Os médicos, enfermeiros e dentistas utilízanas con frecuencia, pero coa pandemia todos tivemos levalas.

Nivel 2: ESO

Unha máscara é unha peza de tea ou doutros materiais que tapa a boca, o nariz e o queixo. A máscara protéxenos das enfermidades que se transmiten polo aire, como a covid-19, porque evita que respiremos (inhalemos e exhalemos) axentes patóxenos ou elementos perigosos para a saúde.

Hai máscaras de varios tipos e materiais, en función do nivel de protección que ofrecen. As autofiltrantes (tamén denominadas FFP) son as que máis protexen porque evitan que te contaxies, pero tamén que te contaxien a ti; as cirúrxicas evitan que contaxies os demais e as hixiénicas e as hixiénicas de tea protexen pouco.

Antes, as máscaras só as usaban o persoal sanitario e os cidadáns dalgúns países asiáticos, pero, coa pandemia da covid-19, o seu uso foi obrigatorio e xeneralizouse entre toda a poboación.