PCR

nome feminino

Nivel 1: Primaria

Unha proba PCR é unha proba moi fiable que serve para diferentes obxectivos: para facer investigación científica, para identificar cadáveres ou para saber se temos un virus ou unha bacteria que causa unha enfermidade no noso corpo, como a covid-19.

Para facer unha PCR que permita detectar a covid-19, precísase unha mostra de secrecións da mucosa do nariz ou da gorxa, que se toma cun bastonciño, ou ben unha mostra de saliva, que se recolle nun recipiente. Esta proba débea facer un profesional sanitario nun centro médico e analízase nun laboratorio, e o seu resultado pode ser negativo ou positivo.

A sigla PCR significa reacción en cadea da polimerase en inglés.

Nivel 2: ESO

Unha proba PCR é unha técnica cunha fiabilidade moi alta que permite realizar moitas copias dunha pequena cantidade de material xenético, como do ADN ou do ARN. Levámola a cabo para detectar virus ou bacterias que causan unha enfermidade infecciosa, por exemplo, a covid-19, pero tamén para identificar cadáveres ou para realizar investigación científica sobre os xenes.

No caso da covid-19, para realizar unha PCR, precísase unha mostra de secrecións da mucosa do nariz ou da gorxa, que se toma cun bastonciño, ou ben unha mostra de saliva, que se recolle nun recipiente. Esta proba ten que facela un profesional sanitario nun centro médico e analízase nun laboratorio. O resultado pode ser negativo ou positivo.

PCR é a sigla en inglés de reacción en cadea da polimerase (Polymerase Chain Reaction).