corentena

nome feminino

Nivel 1: Primaria

Unha corentena é unha medida para evitar que se estenda unha enfermidade infecciosa, por exemplo, a covid-19. Trátase de illar unha persoa (ou un grupo de persoas) que, aínda que non ten síntomas nin deu positivo, sospéitase que pode ter o virus. Normalmente, a persoa ten que quedar soa nun espazo que adoita ser o seu cuarto. Pódense facer corentenas en moitos lugares mentres se estea illado do resto de poboación, por exemplo, nun cuarto dun hotel, nun barco o nunha casa. Non teñen que ser 40 días, senón o tempo en que se pode transmitir a enfermidade.

Aínda que as palabras corentena, illamento e confinamento se refiren a que as persoas afectadas están separadas do resto, a corentena aplícase a aquelas que non teñen síntomas, mentres que o illamento se refire a quen está contaxiado e deu positivo nunha proba.

Nivel 2: ESO

Unha corentena é unha medida de saúde pública para previr o contaxio, por exemplo, dun coronavirus, que consiste en illar unha persoa que estivo exposta a un virus nunha epidemia ou nunha pandemia. Se tivo contacto estreito cun paciente diagnosticado de covid-19, deberá permanecer soa nun cuarto, na medida do posible, durante o período en que podería transmitir a enfermidade. Isto non quere dicir que se teña que illar corenta días; este período pode variar segundo a gravidade da enfermidade e a situación sanitaria do momento.

Aínda que os termos corentena, illamento e confinamento se refiren á separación de enfermos do resto das persoas, a corentena aplícase a aquelas que non presentan síntomas nin deron positivo, mentres que o illamento é para quen ten a enfermidade confirmada.

A palabra provén de cando, antigamente, os viaxeiros e comerciantes, e tamén as súas mercadorías, que procedían de zonas onde había enfermidades contaxiosas e moi perigosas para a saúde, tiñan que estar illados obrigatoriamente 40 días.