gromo epidémico

nome masculino

Nivel 1: Primaria

Un gromo epidémico é o que pasa cando un virus ou unha bacteria empeza a contaxiarse moi rapidamente entre persoas que están á vez no mesmo sitio (por exemplo, nunha festa) ou moi preto unhas das outras (por exemplo, no mesmo barrio) e iso fai que todas contraian a mesma enfermidade. Para frear un gromo epidémico, hai que tomar medidas de precaución, como o uso de máscara, a distancia social e mesmo o confinamento, como se fixo en determinados momentos da pandemia da covid-19.

Nivel 2: ESO

Un gromo epidémico é a transmisión repentina e en moi pouco tempo dun virus ou dunha bacteria, ou o contaxio dunha enfermidade contaxiosa, entre un grupo de moita xente que se atopa nun lugar concreto e nun momento determinado. Cando hai un gromo epidémico, moitas persoas dan positivo nas probas diagnósticas, como unha PCR. Os gromos epidémicos son difíciles de controlar e por iso hai que tomar certas medidas de precaución e control, como o uso de máscara ou o confinamento dunha parte da poboación, como se fixo en determinados momentos da pandemia da covid-19.