meninxite

nome feminino

A meninxite é a inflamación das membranas que cobren o cerebro e a medula espiñal, que se denominan meninxes. A meninxite pode ser causada por un virus e entón acostuma a ter consecuencias leves, ou pode ser causada por unha bacteria e entón é unha enfermidade moi grave que acostuma a ter consecuencias importantes e incluso pode ocasionar a morte. En xeral, a meninxite comeza con dor de cabeza, febre, rixidez do pescozo e somnolencia, o que pode confundirse, por exemplo, cunha gripe, un arrefriado ou unha descomposición. Se aparecen manchas vermellas ou moradas que non desaparecen ao calcar nelas, hai que acudir urxentemente a un hospital.

A meninxite pode afectar a toda a poboación, pero sobre todo aos nenos e nenas menores de 5 anos e á mocidade de entre 15 e 24 anos. As vacinas son, actualmente, a mellor defensa, aínda que non poden previr todos os tipos de meninxite.

Esta palabra vén do grego antigo mening-, que significa ‘membrana’, e -ite, que significa ‘inflamación’.